VIGO NADAL comezou esta semana coa apertura das pistas de xeo e trineos en Samil, oferta tamén concertos, panxoliñas, espectáculos, circo e contacontos en todo Vigo. Ademais, o goberno local organiza o Parque Infantil de Nadal “Illas Cíes”, para aprender de forma lúdica a riqueza natural, cultural e histórica do arquipélago vigués.
Xunto ás pistas, o goberno de Vigo programou un amplo e diverso abano de posibilidades para estas festas, que inclúe as tradicionais e animadas visitas a barrios e asociacións do Carteiro Real e o seu séquito, concertos de Nadal a cargo de bandas de música e corais polifónicas, panxoliñas nos centros e servizos de persoas maiores e o agardado Circo de Nadal “XX Aniversario La Fiesta Escénica”.
O Concello tamén propón para toda a familia, e con especial atención nos máis pequenos e pequenas, a Gran Gala “Nadal Máxico 2015”, coa participación de cinco artistas o 20 de decembro no Auditorio do Concello. Súmanse a este espectáculo as máis de quince actuacións que acollerá o Auditorio Mar de Vigo: concertos de rock, gospel, musicais, ilusionismo, ballet, orquestra, o Festival CLAN… Os contacontos cobrarán especial importancia no Nadal, xa que o goberno local ten programados preto de corenta repartidos por todo Vigo, comezando o 18 de decembro ás 18 horas no local Detrás do Marco, con “Un Nadal cheo de contos”.
Cabalgata de Reis
O prato forte para os nenos e nenas será o 5 de xaneiro, co desfile da Cabalgata de Reis, que emprenderá o seu camiño ás 18 horas e percorrerá García Barbón (desde o nó de Isaac Peral), Policarpo Sanz, Porta do Sol e Elduayen para finalizar no Paseo de Alfonso. Todos os caramelos repartidos desde as carrozas do Concello serán sen glute e algúns tampouco terán azucres.
Pola mañá, as SS.MM. Os Reis Magos visitarán hospitais e centros asistenciais e participarán, ás 12 horas, nunha recepción no Auditorio do Concello, con animación e chocolatada. Ás 17 horas, o tradicional acto de recepción das autoridades aos Reis Magos na Porta do Sol.
O concurso “Vente cos Reis Magos” continúa aberto e os rapaces e rapazas que queiran poden inscribirse ata o 16 de decembro nas caixas do Carteiro Real localizadas no Concello e nos Centros Municipais do Casco Vello, Teis, Coruxo e Saiáns. O sorteo celebrarase ás 12 horas do 22 de decembro no Auditorio Municipal e contará coa animación do Carteiro Real.
Parque Infantil de Nadal “Illas Cíes”
Enmarcado na campaña pola candidatura á declaración de Patrimonio da Humanidade, o Concello organizará no vestíbulo do Auditorio Mar de Vigo o Parque Infantil de Nadal “Illas Cíes”, do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro, en horario de mañá e tarde. Con entrada de balde, esta actividade propón dar a coñecer dunha forma divertida os valores medioambientais e a riqueza natural, histórica e cultural do arquipélago vigués.
As escolas municipais de música e artes escénicas saen á rúa
Durante a semana do 14 ao 18 de decembro, as escolas municipais de música e artes escénicas dependentes da Concellería de Educación do Concello de Vigo (Escola municipal de música de Vigo -EMMV-, Escola municipal de música folk e tradicional -ETRAD-, Escola municipal de danza -EMD- e Escola municipal de teatro -EMT-), desenvolverán actuacións de pequenas formacións propias na rúa do Príncipe, ao carón do MARCO.
Enlace á programación de Nadal 2015 en Vigo.