Nos meus zapatos, interpretado pola compañía de danza da Fundación Igualarte, unha entidade que traballa o desenvolvemento artístico en persoas con capacidades diferentes. A función será no Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia de Vigo o 30 de Maio as 20:30h.
Ao longo de cincuenta minutos, dez integrantes deste grupo expresan, a través do baile, a dificultade de atopar, neste mundo noso das présas e da globalización, o espazo adecuado para nos recoñecer e para que sexamos recoñecidos polos outros. Un espectáculo de expresión corporal no que dez artistas camiñan á procura da propia identidade e convidan ao espectador a unha reflexión interior sobre o xeito en que nos vemos e como nos queremos ver. A música que acompaña ao espectáculo, capaz de xerar unha atmosfera actual e intensa que propicia os sentimentos encontrados e empurra ao pensamento, está composta por temas de Orbital, Jonnhy Flynn, Chicks on speed kroke ou Balkan.
A Fundación Igualarte, traballa no desenvolvemento artístico en persoas con necesidades educativas especiais, entende a arte como un dereito de todos. A fundación leva a cabo a súa actividade durante as tardes, momento no que ofrece, a persoas de todas as idades, un ocio artístico e formativo a través de obradoiros de danza, música ou arte.
Igualarte é, así mesmo, o único centro ocupacional artístico de Galicia, cuxo obxectivo é a profesionalización por medio da arte para alumnos a partir dos 16 anos. En xornada de mañá estas persoas fórmanse en música, expresión corporal e plástica, e educación física dan man dun equipo de profesionais das artes e da educación. O equipo de profesores optan por unha formación troncal inicialmente para camiñar despois cara á especialización. Para realizaren as actividades, adaptan a metodoloxía e os materiais, parten das capacidades de cada neno, e non das discapacidades, cada alumno recibe unha valoración inicial e, sobre esta, traballan de xeito individual e tamén colectivo. Estarán no centro o tempo necesario para conseguir unha formación completa no eido artístico, que procura obter, ademais dunha instrución, unha saída laboral.
Venda de entradas en servinova. Prezo aproximado de 5€