O 8 DE MAIO ESTREARASE NOS CINES MAIMIÑO E O ESPELLO MÁXICO, A PRIMEIRA PELÍCULA GALEGO – CUBANA DE ANIMACIÓN
Con máis de 60 copias nos cines de toda España, Maimiño lanzarase en cine comercial o 8 de maio nunha ambiciosa distribución a nivel nacional. Estreada en Cuba no 2014, converteuse con rapidez na película máis taquilleira da historia no país caribeño.
Previo a esta estrea, Maimiño será proxectada na sección Animazine do Festival de Málaga de Cine Español.
Os nenos galegos poderán participar nun concurso musical interpretando un dos temas principais da película e gañar unha viaxe a Cuba para 3 persoas.
A esperada película de animación galego-cubana Maimiño e o espello máxico, que conta coa participación de Televisión de Galicia, AGADIC, TVE e Ibermedia, estrearase nos cines comerciais de toda España o día 8 de maio de 2015. O proxecto foi posible grazas á coprodución da empresa galega Ficción Producciones xunto aos Estudios de Animación do Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos de La Habana (ICAIC).
Maimiño, unha versión libre do autor cubano José Martí do conto de Pulgarcito, poderá verse en máis de 60 salas de cine de toda España, un proxecto ambicioso para a que previsiblemente será a única película galega de animación que se presentará nas salas comerciais en este ano 2015.
Os actores María Castro (Tierra de Lobos, Vive Cantando); Javier Rey (Velvet, Hispania), María Pujalte (Los misterios de Laura), Antonio Mourelos (Imperium), Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro, Carlos Blanco, Tacho González, Luís Iglesia, Monti Castiñeiras, entre outros foron os encargados de poñer voz á historia dun pequeno campesiño que para sacar a súa familia da pobreza inicia un longo camiño cheo de aventuras que tamén o levará a encontrar á princesa dos seus soños. Unha película que ensinará aos nenos que “o saber pode máis ca forza” e que ensalzará valores como o amor, a amizade, a honra e a xustiza social.
Festival de Málaga
Previo a esta estrea, Maimiño exhibirase o vindeiro 25 de abril no Festival de Cine Español de Málaga, un dos maiores escaparates a nivel nacional e internacional para a difusión e promoción da cinematografía española.
Ata o momento, as vendas internacionais da película son unha realidade en Estados Unidos, Canadá, Oriente Medio, Turquía, Corea, Francia e Alemaña.
Concurso -Karaoke
Outro dos grandes valores culturais engadidos de Maimiño corresponde á banda sonora, que conta con cancións compostas especialmente polo cantautor cubano Silvio Rodríguez e interpretadas, para a versión española e inglesa, polos artistas Roko e Xuso Jones, e por Uxía Senlle e Xoan Curiel para a versión galega, baixo a dirección musical do músico galego Manu Riveiro.
Con este aliciente, Ficción Producciones pon a disposición do público infantil un concurso karaoke a través da rede social Facebook e a páxina http://www.cantaconmaimino.com. Os máis pequenos poderán subir o seu vídeo interpretando un dos temas principais da película e así dar renda solta a súa capacidade interpretativa e dotes para a canción.
O creador do vídeo elixido por un xurado especializado poderá gañar unha viaxe a Cuba para tres persoas, e visitar os Estudios de Animación do instituto Cubano de Arte e Industria Cinematográficos, onde se levou a cabo parte da realización de Maimiño (toda a información en www.cantaconmaimino.com).