Orquesta Clásica de Vigo
Beethoven: V Sinfonía + Concerto n.3 para piano
A Orquesta Clásica de Vigo ofrecerá un programa adicado a Beethoven no que se interpretará a V Sinfonía e o Concerto n.3 para piano con Severino Ortiz como solista.
A tempada comeza en do menor con dúas obras cumio do repertorio para orquestra de Ludwig Van Beethoven, nun concerto marcado pola expresividade dun autor que recollía as teses expresivas e marcaba o camiño a seguir.O Concerto para piano nº 3 en do menor, Op. 37, composto en 1800 e estreado en 1803 con Beethoven como solista, representa unha obra fondamente persoal e intensa. A diferenza dos dous concertos anteriores, este ten un ton máis dramático e serio, próximo ao estilo heroico que o compositor desenvolvería na súa seguinte etapa. A obra comeza cunha orquestra solemne que prepara a entrada do piano, que introduce contrastes dinámicos e unha grande riqueza expresiva. O segundo movemento, un Largo en mi maior, ofrece un momento de profunda introspección, mentres que o terceiro movemento recupera o carácter enérxico e virtuoso. Este concerto non só consolida a Beethoven como un innovador no xénero, senón que tamén reflicte a súa evolución artística e o seu dominio tanto do piano como da orquestración.A Sinfonía nº 5 en do menor, Op. 67 de Ludwig van Beethoven é unha das composicións máis emblemáticas da música clásica. Composta entre 1804 e 1808, esta sinfonía distínguese polo seu motivo inicial coas catro notas máis famosas da historia da música, as mesmas que moitos interpretan como o destino chamando á porta. Ao longo dos seus catro movementos, Beethoven transforma este motivo nunha viaxe marpada polo dramatismo e expresividade dese do menor, culminando nun final triunfante en do maior. Esta sinfonía marcou un punto de inflexión na historia da música, non só pola súa forza emocional e estrutura innovadora, senón tamén polo poder expresivo dun Beethoven plenamente romántico.Programa:Concerto para piano n.º 3 en do menor, Op. 37I. Allegro con brioII. LargoIII. Rondo. AllegroSinfonía n.º 5 en do menor, Op. 67I. Allegro con brioII. Andante con motoIII. Scherzo. AllegroIV. AllegroSolista: Severino OrtizDirixe: Manuel Martínez Álvarez-Nava
Cando:
Venres, 24 de Outubro de 2025
Lugar:
Teatro Afundación
Horario:
20.30 h
Prezo:
Venda de entradas en https://entradas.ataquilla.com