A narradora Beatriz Campos impartirá en Marzo un curso de Contacontos para adultos na librería Libros para Soñar.
A actriz e narradora Beatriz Campos vai impartir un curso de contacontos para adultos que se celebrará todos os xoves do vindeiro mes de marzo, de 17:00 a 20:00 horas, en LIBROS PARA SOÑAR. Está dirixido a educadores e docentes, bibliotecarios, mediadores de lectura, xestores culturais e público en xeral.
As sesións vanse dividir en tres partes: comezarán cunha clasificación teórica dos álbums ilustrados por idades, atendendo á súa temática e formato, con mostras dos materiais que se atopan actualmente no mercado.
Tamén se abordará como organizar unha sesión de contacontos en función dos intereses e das expectativas do público. Nesta fase atenderase especialmente á recuperación e á posta en valor da tradición oral e do cancioneiro popular, así como ao legado cultural co que medraron e se formaron as xeracións pasadas.
Finalmente, a través de xogos de expresión e de exercicios de relaxación, vanse practicar técnicas para aprender a contar. Ao remate das clases, os participantes no curso participarán nunha sesión real de contacontos para exercitar as estratexias narrativas e os coñecementos adquiridos.
Xa está aberto o prazo de inscrición para este curso de contacontos, cun custe de 40 euros.