O mércores 5 de Novembro, o colectivo Cinema Sticado presenta, ás 17h, a súa última creación “STRPTS // Fin de tempada”.
A obra desenvolverase no teatro da Escola Audiovisual de Vigo (C/ Eduardo Cabello s/n). A entrada é libre para estudantes de audiovisuais, escénicas e outras artes ata completar aforo.
“STRPTS // Fin de tempada” é un espectáculo de cine ao vivo (ou tamén teatro multimedia, ou tamén teatro transmedia) que combina diferentes técnicas teatrais como obxectos, sombras e actores coa creación, manipulación e proxección en vivo de imaxe e son.
O colectivo Cinema Sticado -que recibíu o premio ao espectáculo máis innovador no Festival Animart de Polonia- continúa a xogar coa súa cacharrada analóxico-dixital para compoñer con intriga, humor e maxia unha aventura que xira en torno á manipulación e na que calquera parecido coa realidade é plenamente intencionado. Ou non.