Anómico Teatro preséntanos esta obra o venres 26 e 28 de febreiro ás 20 horas no Auditorio do Concello.
Cun fondo claramente antibelicista e de defensa da beleza, a realización escénica xira ao redor dunha idea: a necesidade de que existan seres que coiden deste maltreito mundo.
A peza recrea as figuras: anxo, pallaso e soldado. A primeira delas dende unha perspectiva alegórica da bondade, a segunda como xogo retórico e esperpéntico do propio teatro e a terceira como vítima da violencia exercida -mesmo cando non hai vontade real-.
A obra ten un formato próximo ao circense na súa estrutura fragmentaria e na visibilidade do presente absoluto. A terra azul que tingue o espazo, unhas ás xigantes que se despregan, ou o material escultórico e audiovisual que percorre o tempo da representación, dan forma a unha peza que busca no ritmo e na música o seu mellor aliado.