O historiador da arte e membro do Instituto de Estudos Vigueses, José Luis Mateo, impartirá a conferencia titulada “Mirar Vigo. Imaxe dunha cidade a través da arte impresa e pictórica no século XIX”, unha achega que invita a descubrir como se foi configurando a representación gráfica da cidade ao longo do século XIX e comezos do XX.
A través dun percorrido por numerosas imaxes históricas -gravados, litografías, pinturas e ilustracións publicadas en revistas e xornais da época- Mateo analizará o papel que xogaron artistas locais e foráneos na creación dun imaxinario colectivo sobre Vigo. Estas obras permiten comprender como a cidade foi observada, interpretada e difundida máis alá das súas fronteiras nun período de profunda transformación urbana.
A proposta constitúe unha oportunidade para afondar na historia visual de Vigo e reflexionar sobre o valor documental e artístico das imaxes como fonte para entender o pasado e a construción da identidade urbana. Segundo o relator, estas representacións non só amosan a evolución física da cidade, senón tamén a maneira en que foi percibida polos seus contemporáneos.
Cando:
Mércores, 17 de Xuño de 2026
Lugar:
Pinacoteca Francisco Fernández del Riego
Horario:
19.30 h
Prezo:
Inscrición e máis información na web https://museoseduca.vigo.org/reservar-visita/, no teléfono 615258531 e no correo electrónico museoseduca@vigo.org


