A Intelixencia Artificial (IA) xa forma parte da vida cotiá de estudantes e familias, pero usala non equivale a comprendela. Esta charla propón a alfabetización en IA como a chave para un uso responsable, crítico e consciente: aprender que é a IA, que pode e que non pode facer, cales son os seus riscos e como utilizala sen delegar o pensamento nin a aprendizaxe. Lonxe de prohibicións ou medos, o obxectivo é formar usuarios capaces de tomar decisións informadas, manter o control sobre a tecnoloxía e aproveitala como apoio á aprendizaxe, non como substituto. Educar en IA hoxe é educar en autonomía, responsabilidade e futuro.
Francisco Bellas é Catedrático na Universidade da Coruña (UDC). Leva 25 anos investigando no campo da intelixencia artificial aplicada a diferentes campos da enxeñería, ademais de impartir materias relacionadas coa aprendizaxe automática e a robótica autónoma. É autor de máis de 40 artigos publicados en revistas indexadas, e de máis de 100 contribucións a congresos internacionais e capítulos de libro.
Nos últimos anos focalizouse no campo da robótica educativa e a IA aplicada á educación. Neste ámbito, participa como asesor sobre alfabetización en IA para a Xunta de Galicia, o Consello de Europa, a UNESCO, a Universidade de Catar e a Fundación Asia-Europa.
Cando:
Martes, 17 de Marzo de 2026
Lugar:
Teatro Afundación
Horario:
19.00 h
Prezo:
Reservas en https://entradas.ataquilla.com


