Juan Carlos Nesta
29/01/2017

Tomade nota porque podes anotarte nas rutas guiadas ás Illas Atlánticas, actividades para grupos pequenos, para público adulto, nenos e familias, e de balde!

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio organiza 12 rutas guiadas para coñecer os valores dos catro arquipélagos que conforman o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.

Con esta iniciativa, a Xunta quere dar continuidade a un programa piloto que comezou no ano 2014 e no que xa participaron 1.000 persoas.

A proposta do departamento autonómico é un programa de percorridos guiados fóra da temporada estival, nunha época de menor afluencia, e na que se descobren os seus valores dende outro punto de vista.

Ofreceranse rutas diferenciadas para dous tipos de público: unhas destinadas a adultos e outras para público infantil e familias.

Nas de público infantil as temáticas, metodoloxías e actividades estarán adaptadas aos rapaces (sempre nenos e nenas menores de 12 anos) e as outras estarán pensadas para un público xeral (ás que tamén poderán asistir rapaces maiores de 12 anos). Os menores sempre deben ir acompañados dun adulto.

Estas visitas fanse con grupos reducidos coa fin de poder ofrecer a máxima calidade de visita a este espazo protexido.

Rutas guiadas ás Illas Cíes

A primeira visita do mes de febreiro será o día 18, a Ons, e a actividade leva por título “Unha illa de nomes”. Así, durante o percorrido, porase de relevo a riqueza inmaterial que supón a toponimia en Galicia e, en concreto, na illa de Ons.

A seguinte visita será a Cíes e a proposta son dúas rutas, unha para adultos e outra para familias. Desenvolveranse o domingo 12 de febreiro e o luns 10 de abril e a idea é facer un percorrido histórico, paisaxístico e ambiental pola illa.

Os días 4, 16 e 18 de marzo visitarase Sálvora cunha proposta semellante de percorrido histórico e natural.

Por último, resérvanse as datas do 5, 9, 23 e 25 de marzo e 12 de abril para Cortegada coa que se pretende facer unha incursión nos segredos dun “bosque no mar”. En Cortegada, concretamente o 12 de abril, tamén está prevista unha visita para familias.

Prazo de inscrición:

O prazo de inscrición para estas actividades comeza o mércores 1 de febreiro e estará aberto ata catro días antes da realización do percorrido.

A actividade guiada polo parque será de balde para os participantes, que deberán asumir o custe do desprazamento ata o porto de saída e ata o arquipélago.

Solicitudes:

Todas aquelas persoas interesadas en participar nalgunha destas actividades deberán reservar a súa praza a través da web da central de reservas que ten habilitado o Organismo Autónomo de Parques Nacionais, lugar onde están centralizadas todas as actividades que se ofrecen en tódolos Parques Nacionais de España.

O enlace web é www.reservasparquesnacionales.es. No apartado específico do PN Illas Atlánticas, aparece un listado das actividades ofertadas para cada unha das rutas. Cada persoa poderá reservar e participar nunha soa ruta. Habilitarase tamén unha listaxe de agarda, coa que cubrir posibles baixas.

Tamén se poderá cubrir dita solicitude acudindo á sede do Parque Nacional (Rúa Oliva 3, Vigo).

Máis info na páxina da Xunta.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *