Autor: colaborador
Publicado el: 17/04/2017

A Concellaría de Normalización Lingüística organiza un paseo literario polo calvario o vindeiro 22 de abril.

Ficha del evento:
  • 22/04/2017
    Fecha de inicio
  • 11:00
    Hora de inicio
  • calvario
    Lugar del evento

Sinopse: Covardes é unha novela na que se cruzan ficción e realidade. Desenvólvese no decurso das 24 horas que transcorren entre o derradeiro día de 1985 e o primeiro de 1986, en Vigo. Consta de tres capítulos: Historia de Paco, Historia de Nélida, e Historia de Leonor, que son en si mesmos, tres historias con vida propia pero que en conxunto, narran e explican a trama da historia que dá pé á novela. Entre o trhiller e o realismo suxo, nesta obra a autora describe o ambiente dos baixos fondos da sociedade viguesa desentrañando as claves dun crime onde a maior parte das e dos protagonistas están inspirados en persoas reais. O relato está baseado nunha investigación xornalística que, polo túrbido da súa resolución, a autora nunca publicou.

A cidade de Vigo é o seu contexto literario, no que teñen un importante protagonismo o Calvario, o centro e máis o casco vello.

Este roteiro lévanos ao Calvario que ten un papel moi notable no segundo capítulo. Nel cóntase a historia de Nélida que foi vivir alí a fins dos sesenta, cando era unha pequena emigrante do rural lugués de onde marchou a súa familia na procura das oportunidades que Vigo ofrecía daquela. É, pois, un subcontexto xeográfico e sociolóxico, con vida propia, tanto na novela como na realidade.
María Xosé Porteiro guiarános por un percorrido que terá os seguintes puntos:

Saída desde o adro da Igrexa de Santa Cristina de Lavadores. Subida pola rúa Pateira, Avda. do alcalde Martínez Garrido, praza de Martínez Garrido, rúa Sagunto, Avda. de Jenaro de la Fuente, rúa do alcalde Gregorio Espino, praza de Maruja Mallo e remate na rúa Urzáiz, fronte ao mercado.

Neste traxecto coñeceremos as orixes da parroquia de Lavadores, a súa importante historia política (“a Rusia Chiquita”), e xa entraremos de cheo no Calvario, o seu barrio máis próximo a Vigo, coa que foi anexionada en 1949. O Calvario viviu unha intensa urbanización e transformación nas tres últimas décadas.

As dúas arterias principais de comunicación historicamente foron a rúa Sagunto, antigamente, a estrada provincial de saída do termo municipal, onde había cines, cafeterías, moito comercio tradicional… e Urzáiz, que durante a ditadura foi renomeada como José Antonio, por onde circulaban os tranvías que facían o traxecto desde O Seixo (Ramón Nieto) ás Travesas e Bouzas.

Percorreremos parte da avenida de Jenaro de la Fuente que foi aberta a fins dos anos 80, e lembraremos a creación do instituto que se converteu nun lugar de encontro de xeracións máis novas e activas no desenvolvemento do Vigo actual. No Calvario naceron numerosos persoeiros con grande actividade política e importancia na etapa democrática, que serán comentados e lembrados.

Pasaremos pola praza que leva o nome da pintora Maruja Mallo, a quen se lle dedica o Día das Artes Galegas 2017, e remataremos nun dos mercados municipais máis emblemáticos da cidade, o situado na esquina de Urzáiz coa rúa Cataluña, onde hai moita animación os sábados á mañá e fronte ao que existe unha pequena praza que serve de lugar de encontro e actividades que organiza a asociación veciñal do barrio. Deseguido aproveitaremos o ambiente da rúa peonil e os seus moitos alicientes para a hora do aperitivo.

Día: 22 de abril de 2017
Hora de saída: 11:00
Duración: 2 horas (Levar calzado cómodo)

Punto de encontro: adro da igrexa de Santa Cristina de Lavadores (enlace con google maps)

Para se inscribir deben enviar o seu nome completo e teléfono ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org, a partir do día 19 de abril -ás 9:00- e ata o 21 de abril -ás 9:00-. Poñer no asunto: paseo polo Calvario

Deja un comentario